A Asociación de Empresarios SEARA e o Concello das Pontes, organizaron o día 10 de outubro un simulacro de emerxencias, no Polígono Industrial de Penapurreira.
O simulacro consistiu en levar a cabo unha situación de emerxencia, na empresa Delagro sita no Polígono de Penapurreira. Simulouse un incendio e unha nube tóxica que provocou a evacuación da plantilla e máis do persoal das empresas anexas.
Con esta actividade pretendeuse poñer en marcha todos os protocolos de emerxencia que foron deseñados no Plan de Emerxencia do Polígono, así como coordinar a actuación de todos os equipos de emerxencia, protección e seguridade.
Neste simulacro colaboraron a Dirección Xeral de Emerxencias, a Axencia Galega de Emerxencias, os bombeiros do Eume e de Ferrol, o 061, a policia local, a Garda Civil, e protección civil.
O Plan de Emerxencia do Polígono de Penapurreira está na súa última fase que consiste na avaliación e comprobación dos protocolos, e a implantación de medidas correctoras.